CATALOGO DE CANTAR DE CEGO GALEGO. VOLUME 1: VOANDEIRAS
Compartir:
O cego errante percorreu camiños, feiras e romaxes levando un canto itinerante que facía vibrar auditorios improvisados. O eco do seu paso quedaba gravado en queixumes de violín, laios de zanfona e suspiros de acordeón. Figura arquetípica, evocada polo tempo cunha visión amábel e poética, representaba un modelo humano moi propio, convertido en referente estético e simbólico. Eran, en esencia, xograres modernos: persoas que vivían da música, malia estar sometidas a unha vida dura. Lograban converterse no centro expectante das feiras, declamando con voz quebrada relatos tráxicos e, logo, ofrecendo os papeis impresos que prolongaban esas historias arredor da lareira. O humor, a ironía e as picardías acompañaban romances, cantigas e relatos de crimes, nun oficio condicionado pola falta de vista pero asumido con orgullo, nunca como mendicidade, senón como traballo digno.
